lunes, 1 de marzo de 2010

Entrevista completa a Teresa Casal: "Gustaríame que Ence se trasladase ás Pontes"

PUBLICADA EN DIARIO DE PONTEVEDRA EL 28 DE FEBRERO

Parece tranquila e responde as preguntas con calma. Non se altera nin cando entran en escena os supostos intentos do seu partido de buscarlle un substituto para as eleccións municipais do ano que vén, centrados nos nomes de José Manuel Valcárcel e Antón Louro. Di que, pase o que pase, o próximo alcalde de Pontevedra será socialista.

Queda un ano para as eleccións que decidirán o próximo alcalde de Pontevedra. Miguel Anxo Fernández Lores polo BNG e Telmo Martín polo PP son fixos. Falta por despexar a incógnita do PSdeG. Teresa Casal (Pontevedra 1948) está a expectativa. Mentres, fala da saúde do pacto do goberno, do transporte urbano, de Ence, da zona vella e de Telmo Martín.
Dícía hai tres anos que Lores precisaba unha cura de humildade e que a tivera. Notou algún cambio no seu socio de Goberno nestes tempos?
Si. Notouse un cambio en xeral, nun maior entendemento entre os membros do Goberno, iso é evidente. Falamos moito máis. Eu falo practicamente tódolos días con Lores, senón é en persoa é por teléfono, e cos outros membros do Goberno, igual. Iso tamén se nota una rúa.
Na rúa tamén? Queixábase vostede de que se escoitaba pouco á cidadanía.
Esa cura de humildade tivo efectos positivos para a cidade. Falar cos veciños cando se quere poñer en marcha un proxecto é algo que agora fan tódolos membros do Goberno e que antes non se facía.
Pode presumir este bipartito de ser o mellor de Galicia en canto a clima de entendemento?
Non dimos ningún escándalo. Eu non protagonicei ningunha clase de cousa rara como se viu noutras cidades. Non é cuestión de levarse mellor ou peor, senón de entendernos mellor. Coñecémonos moito máis. Si somos un exemplo. Non sei se é porque somos a única das grandes cidades na que a forma minoritaria é a do PSOE. Vese claramente que o Goberno municipal de Pontevedra é un Goberno único. Os seus membros falan entre si e logo fala unha voz, que é a de quen ten a competencia.
Pero, que pasa cando unha das partes non está de acordo coa outra?
Neste mandato temos divididas áreas que antes estaban nun só departamento. Por exemplo, Mosquera e máis eu. Cando Mosquera fala do POL, falou comigo antes. Ou se eu falo dos Xulgados da Parda, falei antes con Mosquera ou con Lores.
Non é estraño que unha competencia como urbanismo estea dividida en dous?
Non. O que temos dividido é a xestión urbanística, que é a que levo eu, e as infraestruturas e o Plan Xeral, que leva Mosquera.
Pero choca que unha concelleira de Urbanismo non teña competencia sobre o Plan Xeral.
O Plan Xeral non é cuestión de competencias. É cuestión da persoa que o impulsa. No Plan Xeral todo o que se fixo foi consensuado dentro do Goberno. Quen lle deu un empuxón definitivo foi esta humilde concelleira. Pero non é que sexa unha persoa a que decide, nin sequera un grupo.
Levamos anos esperando polo PXOM. Parece a obra do Escorial.
Mire para calquera concello de arredor e verá que os plans xerais, non sei explicar por que, son temas que se dilatan moitísimo no tempo. E é unha pena. Espero que coa nova lei iso se solucione.
Falaba de decisións consensuadas no grupo de Goberno. Vostede fixo unhas declaracións hai un par de meses nas que criticaba o exceso de marxe que había para a carga e descarga na zona vella. Logo aclarou que non era unha competencia súa e parece que o tema quedou...
Non, non. Eu volvín dicir hai moi pouco, máis recentemente que eses dous meses, que, se poñemos pavimentos que non resisten a carga e logo deixamos pasar demasiados camións pesados, estamos tirando os cartos. É algo que se está estudando. Falei non hai moito co xefe e cos responsables da Policía Local e estase a estudar.
Pero falou coa outra parte do Goberno?
Se digo xefe de Policía, digo concelleiro responsable, que é Demetrio Gómez. Pero se é a única discrepancia que temos tampouco me parece moi grave.
Pontevedra segue sen transporte urbano. Por que?
Pontevedra é unha cidade dificilísima para o transporte urbano no sentido dun Vitrasa en Vigo. As dimensións, as zonas peonís, o tamaño das rúas... é complicado. Nós propuxemos o mandato pasado un circuíto que chegou case a consensuarse coa anterior Xunta. Iso quedou paralizado co cambio de Goberno. Agora estase falando outra vez, pero aínda non dixeron o que ten que poñer cada concello.
É que é un tema que tamén quedou como materia pendente no anterior mandato.
Nas últimas autonómicas xurdiu a liña estación de autobuses-universidade, que se segue mantendo, e os buses van baleiros. E xa non me pregunte por que.
Insisto neste tema porque Pontevedra é un modelo de cidade peonil, pero non ofrece unha alternativa para deixar o coche na casa.
Non ten sentido que metamos máis transporte no centro histórico e no ensanche do centro histórico, pero aquel circuíto do que se falaba podía deixarte nunha parada a cinco minutos da Peregrina, e esa é unha materia pendente. Pero preocúpame moitísimo a resposta da cidadanía. Eu creei esa liña da que falaba antes, e véxoa pasar ás veces e non leva ninguén. Non sei se é falta de costume ou que.
Ás veces parece que as decisións que se toman sobre tráfico son puntuais e que falta un gran estudo.
Nesas estamos.
Para cando estará listo?
Está encargado. Espero que nos dea solucións. O problema do tráfico non é propio de Pontevedra. Ti vas a Santiago ou a Vigo e a xente quéixase do tráfico. Pontevedra non é menos. Hai que poñelo en mans de profesionais. Non se poden tomar decisións de ‘agora cambio este sentido a ver se así...’. É un problema global.
Pero iso fíxose. Cambiouse o sentido dalgunhas rúas do centro sen o estudo.
Si se fixo. E teño que recoñecer que algo aliviaron. A famosa Cobián Areal e Uxío Novoneyra...
Hai quen di que ese embudo se trasladou á Seca.
Pero non me negará que varias veces clamamos en arameo por aquelas linguas e orellas. Algo si se adiantou. Pontevedra é unha cidade pequena que tampouco ten moito máis cara onde escapar.
Pode Pontevedra permitirse o luxo de prescindir de Ence?
Hai xa bastante tempo, nun Pleno, recuperei unha reportaxe de cando Ence representaba moito máis economicamente. Dicía que estudos rigorosos sostiñan que Pontevedra gañaría moito máis se esa zona se adicara a temas pesqueiros, marítimos e lúdico-deportivos. As cousas hai que facelas con sentido e prevelas con tempo.
Pero partindo da base de que debe saír da ría, non falta iniciativa dende o Concello?
O Concello non ten que buscar alternativa. Isto é un tema de ordenación do territorio. Ten que afrontalo un Goberno autonómico. Se chegado o día se pregunta ó Concello, o Concello opinará.
Pero se se pregunta ó Concello, non hai ningunha opción pensada na comarca ó estilo da proposta de Telmo Martín para Marcón.
Eu vou dar a miña opinión. No mandato pasado había un concello disposto a acoller Ence, que era As Pontes. A min pareceríame ben. Eu sempre diferenciei entre Ence e
Elnosa. Elnosa tería cabida en case calquera dos polígonos que temos neste momento. Pero que sentido ten levar unha fábrica como Ence a catro quilómetros, a dez ou a quince se vai verquer no mesmo sitio?
Sería una fábrica nova e tería outros sistemas de depuración.
Non o teño tan claro.
Entón estaría de acordo en que se fora ás Pontes.
Eu si. Non me importa recoñecelo abertamente.
Que é o que a zona vella precisa con máis urxencia?
Estou empeñada en conseguir a declaración de ARI. Se falta algo, é ese empuxón para que os propietarios poidan rehabilitar. A maioría da xente que vive no centro histórico é maior e necesita ese empuxón. Pero hai que dicir que é un dos centros históricos máis vividos de toda España. Non é unha reliquia con tendas de typical Spanish ou typical Galician.
Os veciños queixáronse durante moito tempo de que, precisamente por ser un centro vivido e pola vida nocturna, había problemas para durmir.
O tema do botellón resultou ben e conseguiuse máis tranquilidade. Pero nunha cidade que ten vida e que ten movemento hai estas cousas. Pontevedra é unha cidade tranquila. Non creo que ninguén poida dicir que é unha cidade conflitiva ou perigosa.
Que lle parece que xurdiran os nomes de Antón Louro e Xosé Manuel Valcárcel para sustituíla á fronte da candidatura ás municipais do ano que vén?
A min paréceme un déjà vu. Levo en política uns anos e repítese cando se achegan unhas eleccións municipais, incluso antes de estar eu. A min gustaríame que algún dos medios que sacan estes temas dixera con nomes e apelidos que cargo orgánico do PSOE baralla estes nomes. Eu sobre rumoroloxía ou noticias anónimas... é o habitual de cada etapa.
O líder provincial, Modesto Pose, si dixo que o candidato podía ser vostede ou outra persoa.
Iso é normal que se diga.
Iso non a deixa a vostede nunha situación de debilidade, como sembrando a dúbida, tendo en conta o clima do que falabamos?
Hai que partir dunha base. Eu non entrei na política nin ós quince anos nin ós vinte. Entrei cunha bagaxe profesional e humana importantes. Por iso me chamaron. A min sempre me pediron que fora na lista. Eu nunca pedín nada. Non creo nos políticos profesionais. Para estar aquí hai que ser honrado e valente. Todos os que temos ganas de traballar polo común deberíamos probar algunha vez a política. Os políticos somos aves de paso. Adicamos unha parte da nosa vida a traballar por ese ben común, pero non fixemos unha oposición.
O voceiro do PP, Telmo Martín, tratou de ignorala nun dos últimos plenos. Como se sentiu? Cre que se debe a un intento de Martín de buscar un corpo a corpo co alcalde?
Eu creo que é ó reves, porque se por un lado quere ningunearme, por outro dáme máis importancia da que esta humilde concelleira ten. A Telmo Martín fáltanlle madurez e intelixencia política.
Foi oito anos alcalde de Sanxenxo. Experiencia política ten.
Si, pero foi alcalde de Sanxenxo. Non é o mesmo, con todos os meus respectos para Sanxenxo. Nótase que non é a súa cidade. Segue sen coñecer o Concello de Pontevedra.
Si teñen en común unha certa fixación mutua.
Non. Pola miña banda non. Estou nas antípodas de Telmo Martín.

No hay comentarios:

Publicar un comentario