ENTREVISTA A GUILLERME VÁZQUEZ
A batalla das caixas deulle un grande empuxón para converterse na voz do BNG . Guillerme Vázquez afronta agora a misión de explicar que hai outro discurso posible ante a crise económica mundial.
Parece canso de que lle pregunten pola súa suposta situación de interinidade, como cabeza visible do BNG, pero sen garantías que o coloquen como candidato nas próximas eleccións autonómicas, para as que aínda faltan tres anos. Sobre a súa situación, a crise e o Concello de Pontevedra fala Guillerme Vázquez (Pontevedra, 1952) nesta entrevista.
Afrontará dentro dun ano as súas primeiras eleccións.
Eu non me presento (ri).
Pero si se vai dar un bo ‘tute’ por toda Galicia.
Evidentemente. A nivel municipal hai que tomar decisións, e tómanse, para contribuír modestamente a solucionar os problemas sociais e de paro. Aspiramos a un resultado razoable.
Vaise ver beneficiado o BNG do previsible baixón que sufrirá o PSOE?
Non o sei. Non fago cábalas. Debemos ofrecer o noso traballo e as nosas ideas. En moitos concellos está ben visible como se teñen usados os fondos públicos para mellorar a calidade de vida dos cidadáns. Despois xa veremos.
Das sete grandes cidades, o BNG só ten a Alcaldía de Pontevedra e o alcalde xa leva doce anos. Fai falta unha renovación?
Cando unha persoa o está facendo ben non hai ningún grupo político que se plantexe cambiala por aquilo da renovación.
Non falaba tanto do alcalde como do equipo.
Iso é unha decisión que tomará o Bloque Nacionalista Galego e a súa asemblea. Pero eu non sei por que hai esa insistencia. Non se critica que se fagan as cousas ben ou mal. Críticase a ver se cambiamos as caras. O problema será valorar se o equipo que estivo á fronte desta cidade o fixo razoablemente ben ou moi ben, e eu creo que o fixo moi ben, basta ver a línea que segue a cidade, que agora empeza a ver se o ecoñecida por todo o mundo. O Madrid vai cambiar ó entrenador porque non gañou, pero o Barcelona non se plantexa cambiar a Guardiola. É algo tan elemental como iso.
Sen embargo, a tendencia si é á baixa nas últimas eleccións.
Ben, e temos a lexítima aspiración de recuperar a confianza dos cidadáns.
Dada a situación económica na que estamos é intelixente dicir non polo non a Ence sen buscar alternativas?
Iso témolo moi claro desde hai moito tempo. Dicir iso agora en tempos de crise sería soster o mesmo que se argumentou cando non había esa crise. Ence ten un período de caducidade e ten que saír da ría de Pontevedra, e iso non pode depender de momentos de máis ou menos bonanza. E o tema dos postos de traballo, que é moi respectable, non pode ser o argumento. Cando unha empresa, polo que sexa, decide irse, non lle preocupan os postos de traballo. Resulta que nun momento no que hai unha chea de empresas en crise, xusto o problema vai ser unha empresa concreta. Pois non.
Sen embargo, o alcalde de Pontevedra si reprochou ó bipartito unha falta de resultados neste tema.
Iso foi un período que pasou. As responsabilidades sobre este tema e outras moitas están xa xulgadas. O que temos que demandar ó Goberno central é que non se amplíe a data de concesión. Temos que mirar o presente.
Fálase da chegada da ex conselleira Teresa Táboas á política local. Significaría iso que vostede tería un rival menos?
Eu non teño rivais (ri). Eu comprendo que a nivel xornalístico ten un grande interese, pero eu son o voceiro nacional do BNG e sereino mentres o BNG o decida. Dentro do meu grupo non teño rivais no sentido de que non me sinto atacado por presuntos adversarios. Eu non sei se ela ten vontade ou non, habería que preguntarlle a ela, pero non creo, agora mesmo é deputada no Parlamento galego.
Hai paz interna no BNG?
No BNG hai problemas e discusións e diferentes opinións como hai en moitísimos outros grupos políticos. É un grupo plural, pero a clave é que o BNG é capaz de ter unha soa política por moitas discusións internas que haxa. Ésa é a súa virtude.
Esta semana votáronse as medidas antidéficit co posicionamento en contra do BNG. Por qué?
Do que estamos convencidos é de que hai un fracaso da ideoloxía neoliberal extremista, que fai augas, que fai crack por tódolos lados. Seguir adoptando medidas no marco do mesmo modelo non vai resolver nada, senón que agravará a crise. As medidas do decretazo están ditadas polos mercados, por Obama e Merkel como representantes dos mesmos, están dirixidas ós sectores débiles da sociedade. Nós opoñémonos con total claridade. Esta non é a solución a ningún dos problemas que temos plantexados.
Que podía facer entón o Goberno?
O Goberno español e tódolos do Mundo deben reflexionar sobre o cambio necesario dese modelo. É un modelo en crise e en bancarrota, non funciona. Para empezar teñen que poñer regras ós mercados financieiros, impostos, acabar cos paraísos fiscais... Ese é o primeiro deber, e a partir de aí, recuperar políticas que tiveron vixencia no que se deu en coñecer como a Europa democrática durante moitos anos e que garantiron un equilibrio social e económico. Os estados non son o problema, son a solución. Deben intervir na economía. Concretando máis: o aumento dos ingresos non se pode facer cun modelo fiscal regresivo, que carga a imposición sobre a maioría da poboación mentres os grandes portadores de riqueza non pagan, e non se pode facer vía recorte de investimento produtivo, porque iso xerará máis paro ó retraer a economía, e menos aínda polo recorte de pensións, salarios ou o aumento da idade de xubilación. A clave está en reconsiderar o modelo. Do contrario, non hai solución.
Hai cabreo entre a xente? Hai queixas pero non grandes movilizacións.
Hai unha parte de cabreo, outra de resignación... porque todos os altavoces de opinión din que esta é a única solución posible. Hai xente que non entende de que vai
todo porque non llo explican e que si está disposta a pelexar por unha situación diferente. Estamos diante da ditadura dos mercados, cun golpe de Estado contra a democracia e as maiorías sociais. Ante iso a xente ten que rebelarse, porque se queda pasiva a fera non se calmará, quererá seguir devorando máis, máis e máis.
Inclúen vostedes dentro das súas críticas ós recortes as baixadas de soldos dos alcaldes?
Os que xa temos soldos recortados temos pouca preocupación. A min non me parece mal a contención do gasto dos representantes públicos, algo que sempre ten que ser, independentemente de se hai maior ou menor crise. En calquera caso, iso non deixa de ser un xesto que está ben pero a cuestión non está aí, senón no que falaba antes: na necesidade de que os estados teñan capacidade de intervir na economía e de que os que máis teñen, neste caso os grandes especuladores, o gran capital, paguen impostos.
Iso non pode provocar que as grandes fortunas emigren?
Non terían a onde ir.
Pero iso requiriría unha medida global, non só de España.
Require medidas globais e en calquera caso non se pode dicir iso de que ‘como se van ir non o fagamos’. Iso é terrible. Cando foi a crise financeira si houbo intención
de facer reformas.
Non se perdeu entón a oportunida de facelas?
Dixo Sarkozy aquilo de que había que refundar o capitalismo e despois non se fixo absolutamente nada. As Sicav e todo ese tipo de fórmulas para defraudar o fisco hai que evitalas.
Volvendo sobre a redución de gastos dos políticos. Son populares esas medidas como a baixada de soldos ou fan ver á opinión pública que había un enorme despilfarro?
Esa pregunta é moi difícil de responder. Eu, polo menos, non me sinto despilfarrador de recursos públicos. Eu sei que salario tiña na miña actividade e como eu, moitísima xente. O que hai que reducir é o gasto improdutivo e todo o que se poida axustar nese terreo está ben. Agora fálase da débeda dos concellos. Pois ben, a débeda en defensa é de 27.000 millóns de euros, equiparable á de tódolos concellos do Estado español, sen embargo, ninguén fala de recortar o gasto militar. Que se quiten as tropas de Afganistán, que costan, que se saiba, setecentos e pico millóns ó ano. Hai moitos lugares onde recortar o gasto, menos o gasto social e o gasto produtivo. E si, haberá que recortarlle ós representantes públicos, pero sería moito máis importante recortar os salarios e beneficios de grandes especuladores e de xente que está ó mando dos bancos, que son multimillonarios.
O seguinte será a reforma laboral. Preocúpalle?
Naturalmente. Esa reforma laboral, e basta oír o que di o Fondo Monetario Internacional, será un camiño regresivo. O FMI propón acabar coa negociación colectiva, con que os salarios se equiparen á inflación, e pide abaratar o despedimento... Estariamos na sexta reforma laboral da democracia e o que fixeron todas foi restrinxir dereitos dos traballadores sen solucionar nada.
De todos modos, algo falla no sistema español cando hai un ano o nivel de paro era o dobre que o do resto de países da UE.
O modelo de crecemento da Unión Europea está ó servizo do capital. O euro fai augas por tódolos lados. E a economía española estaba baseada no medre do ladrillo. Hai que reformular Europa sobre outras bases, sobre estas non. Porque o Plan de Estabilización que esixe Alemania está exclusivamente ó servizo de Alemania e, se acaso, de Francia, non da poboación europea.
Vese candidato?
A que?
A presidente da Xunta.
O problema non é que me vexa ou non. O problema é que non toca.
Pero imaxínase como candidato?
Eu non teño nada que imaxinar. A miña imaxinación non é moi alá (ri). Pero é que non lle toca a ningún grupo político. A nós estásenos pedindo continuamente...
Porque ó principio houbo unha sensación de interinidade.
Interinos somos todos. Zapatero, Rajoy... no sentido de que estás nun posto cando te elixen e deixas de estalo cando deixan de elixirte. Se o que se quere dicir é que este señor está aquí transitoriamente, pois non, pois non. Xa pasou un ano e sigo aquí, dito así coloquialmente. O tema da candidatura á presidencia resolverase no seu momento.
Volverá Quintana?
Non o sei. Eu non teño nada que opinar. Se o conxunto do Bloque o decide, volverá.
Estalle saíndo ben ó BNG a loita do galego?
O tema non é que nos saia ben a nós. A quen lle ten que saír ben é ó país. Galiza ten que quererse maís, ter orgullo de ser, de falar o seu idioma. Tivemos o valor político de enfrontar unha posición do PP contraria a normalizar o noso idioma. Foi un orgullo saber que miles e miles de persoas de este país aínda cren que o galego merece ser respectado e ser tido en conta. Os beneficios serán para o país. Un país que está orgulloso do seu, do que é, tira para adiante.
Dado o conflito actual parece imposible chegar a un pacto e a cidadanía está abocada a continuos cambios neste sentido con cada cambio de Goberno.
Eu síntoo moito, pero se os cidadáns cambian gobernos é para que cambien as cousas, non para que todo permaneza igual. Quen rompe o consenso é o PP e quen dá pasos contrarios fortísimos á normalización é o PP. Por tanto, que pacto pode haber sobre unhas bases que se romperon?
O PSOE posiciónase agora máis preto do BNG cando no bipartito den a sensación por momentos de que había dúas maneiras de entender a política lingüística. Aquelas declaracións de Touriño falando de que non ía permitir a imposición do galego... Non botou en falta esta determinación cando gobernaba o bipartito?
A posición sobre o idioma de cada quen é sobradamente coñecida. Vostede fai referencia a unhas certas ambigüidades mantidas no seu momento polo Partido Socialista, pero eu teño que celebrar que o PSOE decida sumarse a esta posición e o faga indo á convocatoria de Queremos Galego. Eu só pido sinceridade e convicción de
que o fai para defender o idioma. Polo demais, o pasado pasado está.
No hay comentarios:
Publicar un comentario